Esta materia ofrece unha achega sociolingüística ao estudo da lingua inglesa. A perspectiva do curso é primordialmente histórica, centrada no uso lingüístico dos séculos XVIII e XIX mais sempre conectando o contexto sociocultural do pasado co estado presente do inglés contemporáneo.
Prestarase especial atención á análise das actitudes cara ao uso lingüístico no proceso de estandarización da lingua inglesa, tanto no ámbito escrito como no oral. Estudaranse tamén a importancia de factores sociais como a rexión xeográfica, o sexo/xénero, a idade e a clase social, así como outros elementos vencellados á identidade individual ou aos grupos sociais. Igualmente, ofrecerase unha introdución xeral á ampla gama de metodoloxías empregadas no estudo sociolingüístico (histórico) da lingua.